Friday 19 de April de 2024

A Xunta executa obras de mellora da seguridade na estrada AC-445 en Estorde, no concello de Cee, no treito coincidente no Camiño de Fisterra


― A intervención inclúe a execución dunha condución de pluviais mediante 84 metros de tubaxe e a construción dunha senda que supera os 630 metros de lonxitude

― Os traballos compleméntanse coa mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago

― A actuación, cun investimento de 86.000 €, está incluída nas 70 actuacións que a Xunta executa nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun orzamento conxunto de 1,4 M€

― O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos, que son usuarios vulnerables das estradas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-445 en Estorde, no concello de Cee, no treito coincidente co Camiño de Fisterra, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A actuación desenvólvese no tramo desta ruta do Camiño de Santiago que cruza esta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 5+260 e 6+053.

A intervención consiste no acondicionamento deste tramo, acometendo a condución de pluviais mediante 84 metros de tubaxe e executando unha senda que suma un total de 631 metros de lonxitude.
Os traballos compleméntanse coa mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

Trátase de obras deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos.

Esta intervención, cun investimento de máis de 86.000 euros, está incluída nas 70 actuacións que a Xunta executa nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun orzamento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera este ano, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.